Estratexia galega da Sociedade da Información Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

O 93% das pemes e autónomos implantará solucións tecnolóxicas nos seus negocios

11/05/2009 -

O informe-balance sinala que nove de cada dez empresarios/as utiliza a banca electrónica pero apenas o 28% vende os seus produtos a través de Internet

O informe-balance Utilidade e implantación das TIC nas pemes e autónomos, elaborado pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, a través de Red.es, mostra que o 93% dos empresarios participantes nas xornadas Empresas en Rede implantará solucións tecnolóxicas nos seus procesos de xestión diaria nos seus negocios.

Este estudo elaborouse a través das enquisas presenciais realizadas ás máis de 2.600 pemes participantes nas 26 xornadas realizadas por 13 comunidades autónomas, Ceuta e Melilla. A mostra dos empresarios, autónomos e emprendedores que asistiron ás xornadas representa aos principais sectores de actividade do tecido empresarial español.

O informe-balance, que coincide coa celebración da metade de xornadas que integran o Programa, mostra que a banca electrónica é unha das solucións máis usadas. Un 89% utiliza esta ferramenta actualmente e o 98% considéraa de utilidade para o seu negocio. O 81% dos enquisados opinan que a factura electrónica pódelle resultar rendible para o seu negocio. Pola súa banda, un 39% dos empresarios implantou a sinatura electrónica e 9 de cada 10 cren que lle pode resultar eficaz.

En relación ao comercio electrónico, o 28% dos asistentes usa a Rede para vender e o 69% para comprar. Un 35% dos empresarios que acudiron ás xornadas dispón dun Sistema de Xestión de Clientes (CRM) e o 87% considérao útil. Os Sistemas de Planificación de Recursos Empresariais (ERP) están implantados nun 45% das empresas e o 88% dos enquisados manifestan que sería de utilidade para o seu negocio. A enquisa mostra que o 97% dispón de conexión a Internet, das cales sete de cada dez posúen unha páxina web corporativa.

Respecto das solucións móbiles de acceso a Internet, un 37% dos empresarios enquisados usan terminais portátiles. Ademais, un 31% dos empresarios ofrece a posibilidade de traballar desde casa aos seus empregados e dous de cada tres cre que o teletraballo aumenta a produtividade. Doutra banda, un 38% dos empresarios aposta pola formación a través de Internet e dúas de cada tres considérana útil.

Voltar


Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia