Estratexia galega da Sociedade da Información Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

Aumenta a presenza do software libre nas entidades de Galicia

06/05/2009 -

O OGSI ofrece unha análise comparativa da evolución do software libre nos centros de ensino, concellos, empresas de informática e pemes en xeral.

O Observatorio Galego da Sociedade da Información publicou en marzo, os resultados das “Enquisas sobre a situación e evolución do software libre en Galicia”, correspondentes ao ano 2008. Nesta edición avaliouse a implantación do Software Libre nas empresas de Galicia -cun estudo específico das empresas de informática-, nos centros de ensino e nos concellos. O estudo comparativo destes catro ámbitos pon de relevo que nos últimos anos, o software libre deixou de ser unha tecnoloxía exclusiva das empresas informáticas e foise incorporando ao resto de entidades.

Así sucede no 67,6% dos centros de ensino e no 64,6% dos concellos. As empresas informáticas, onde a presenza do software libre partía xa dos valores máis altos, acada un índice de penetración do 69,3%. As pequenas e medianas empresas seguen a ser o ámbito onde o software libre alcanza os niveis máis baixos de presenza. Aínda así, rexistráronse importantes adiantos nos últimos anos, chegando a estar presente no 33,6% das empresas.

O software libre emprégase fundamentalmente nos ordenadores de usuario e nas aplicacións de escritorio de uso máis común. En xeral os programas que se usan con maior intensidade son os paquetes ofimáticos, os navegadores web e os clientes de correo electrónico.

O nivel de satisfacción polo uso do software libre é alto para o conxunto das entidades analizadas, dado que as puntuacións outorgadas están en todas elas por riba do 7, superando en todos os eidos ao software privativo. As entidades que na actualidade empregan software libre recomendarían maioritariamente o seu uso a outras entidades. Ademais a maior parte delas considera que uso do software libre aumentará nos próximos anos.

O idioma galego está máis presente nas aplicacións informáticas dos centros de ensino e dos concellos (77,8% e 73,7%, respectivamente) ca nas das pequenas e medianas empresas e nas das empresas informáticas (8,3% e 22,6%, respectivamente). Porén, o uso do galego nas aplicacións informáticas mellorou de maneira significativa en todos os ámbitos de estudo entre os anos 2006 e 2008.

Nas pequenas e medianas empresas, nos concellos e nos centros de ensino, o principal motivo para non instalar software libre é a falta de información. No caso das empresas informáticas o principal motivo sinalado é a incompatibilidade cos sistemas actuais, unha causa que tamén é sinalada significativamente polos centros educativos.

As empresas do sector informático son as únicas que de xeito xeneralizado (83,8%) dispoñen de persoal especialista encargado dos sistemas informáticos. No caso dos concellos é do 60,6%, descendendo para centros de ensino (42,2%) e pequenas e medianas empresas (29%).

Durante os últimos anos a formación en software libre ten mellorado significativamente en todos os ámbitos. Destacan polo seu crecemento os concellos, que duplican case a súa formación en software libre, situándoa no 30%. No caso das empresas informáticas hai un aumento significativo, pois pásase dun 18,5% en 2007 a un 28,5% en 2008, un aumento de dez puntos porcentuais.

Un 39,1% dos concellos ten previsto encargar un desenvolvemento do software, esta porcentaxe sitúase entre o 7,9% e o 12,3% para as restantes entidades. Porén, a maioría das entidades que o teñen pensado realizar considerarían positivamente que este desenvolvemento fose en software libre.

Nos catro ámbitos estudados apréciase que a maioría considera que o mercado do software libre experimentará unha expansión nos próximos anos. As empresas informáticas teñen unha boa percepción sobre os resultados económicos obtidos polos produtos de software libre, estando a un nivel semellante ao outorgado ao software propietario. O aspecto máis valorado por parte dos clientes do software libre segue sendo principalmente o custo; a grande maioría das empresas (70,9%) mencionan principalmente esta vantaxe aínda que en menor medida que noutros anos. Os seguintes factores que valoran os clientes no software libre son a personalización (21,5%) e a calidade (14%).

Principais recomendacións
Os informes de resultados das Enquisas do OGSI achegan, ademais, algunhas propostas e directrices de utilidade para o deseño do políticas de actuación e fomento do software libre por parte das entidades e institucións galegas.

Nesta liña resulta interesante, cara ao futuro, promover a creación de comunidades de usuarios de software libre para cada un dos ámbitos estudados. Estas comunidades serían un elemento dinamizador para a posta en marcha de proxectos en común que permitisen cubrir as necesidades do sector. Ademais de intercambiar información sobre cuestións relacionadas co uso, instalación, administración ou xestión poden definir estratexias para a extensión e mellora na implantación do software libre.

Definir novos proxectos de tradución do software libre para o galego, ben poñendo a disposición da comunidade ferramentas colaborativas de localización ou ben deseñando novos proxectos de tradución coordinados por empresas informáticas.

Fomentar desde a Administración o uso do software libre en todos os ámbitos aos que se teña acceso, impulsando as iniciativas para o seu uso a nivel interno, incluindo a valoración desta tecnoloxía nas contratacións informáticas, nas oposicións e demais procedementos de selección de persoal, e empregando os estándares abertos na documentación emitida en formato electrónico.

Crear unidades de apoio e soporte técnico en software libre para os centros de ensino e os pequenos concellos, posto que moitos concellos e centros de ensino, polas súas características, non contan co persoal preciso ou cos coñecementos necesarios para poder abordar proxectos de implantación de software libre ou manter as infraestruturas existentes

Voltar


Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia