Estratexia galega da Sociedade da Información Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

España superou os 9,7 millóns de liñas de banda larga en 2009

08/02/2010 -

A CMT cifra a penetración do mercado da banda larga en 21,1 liñas por cada 100 habitantes.

O mercado estatal da banda larga mantivo en nadal a tendencia á suba dos meses anteriores e sumou 63.722 novas liñas. Deste xeito, a fin de ano, España superou os 9,7 millóns de liñas de banda larga, un 7,6% máis ca no peche de 2008, acadando unha penetración de 21,1 liñas cada 100 habitantes. Así o indica a nota mensual de decembro da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT).

As operadoras alternativas captaron o 64% das altas netas de liñas de banda larga durante o último trimestre (outubro-decembro), as operadoras de cable, o 20% e Telefónica, o 17%.

No mes de decembro rexistrouse o segundo mellor dato de portabilidades fixas desde que a CMT contabiliza este rexistro. Concretamente 136.322 portabilidades, número lixeiramente inferior con respecto á marca de intercambios que se bateu no mes de novembro (138.541 liñas). A portabilidade en liñas fixas está asociada aos cambios de provedor que fan os usuarios cando contratan servizos de banda larga e telefonía fixa con outra operadora.

En nadal tamén se rexistrou a cifra máis alta de portabilidades en liñas móbiles dos dous últimos anos (2008-2009) con 429.974 intercambios. Durante o mes, o número de liñas móbiles aumentou en 300.649. En canto á telefonía fixa, no mes de decembro rexistráronse 13.224 altas netas.

Reconto anual
O ano pasado o número de liñas de banda larga no Estado español medrou en 688.974. Por tipo de tecnoloxía, a finais de 2009, contabilizáronse un total de de 7,9 millóns de liñas de DSL, un 8,2% máis ca no peche do exercicio anterior. O cable módem rexistrou 1,9 millóns de liñas, cunha suba interanual do 5%. As distintas operadoras, os alternativas fixéronse co 57% das altas netas de banda larga durante o ano, mentres que Telefónica captou o 30% e as operadoras de cable módem, o 13%.

O mercado da telefonía móbil tamén mostrou signos de dinamismo durante o ano e, a pesar das altas taxas de penetración rexistradas en exercicios precedentes, pechou 2009 con 52,9 millóns de liñas, un 4% máis que en 2008, cunha penetración de 114,6 liñas cada 100 habitantes.

Doutro lado, o ano rematou cun total de 19,9 millóns de liñas fixas, un 2% menos que en 2008, até acadar unha penetración de 43 liñas/100 habitantes.

A finais de 2009, contabilizáronse un total de 1,85 millóns de liñas M2M, liñas de telefonía móbil que están asociadas a servizos de telemetría e telecontrol. Este segmento medrou un 25% con respecto ao exercicio anterior. Se tomamos en conta as liñas de comunicacións persoais e as liñas M2M a finais de 2009 o total de liñas de telefonía móbil acadou os 54,7 millóns.

Voltar


Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia