A Xunta crea o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia
O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se crea e regula o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) como órgano encargado de avaliar a incorporación das novas tecnoloxías á sociedade e o desenvolvemento da Administración electrónica. Esta nova entidade é o resultado da integración do Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI) co Observatorio da Calidade e da eAdministración de Galicia (OCEG), que atendían ámbitos cada vez máis próximos, facendo necesaria unha actuación máis eficiente que evitase a superposición de ambas as dúas actuacións. O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia adscríbese á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.
O OSIMGA nace así como un órgano asesor para avaliar a evolución da sociedade da información e a modernización das administracións públicas de Galicia, para participar e colaborar coas ditas administracións públicas nesas materias, ademais de contribuír á promoción e extensión das novas tecnoloxías en Galicia. A creación deste observatorio enmárcase dentro do Plan de Acción para o Desenvolvemento da Sociedade da Información no ano 2010, que identifica as liñas de actuación prioritarias que acometerá a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica neste ano.
O OSIMGA funcionará tamén como un sistema de información para a análise, comparación, seguimento e divulgación de datos, información e coñecemento relacionados coa sociedade da información e a modernización de Galicia. Así mesmo o novo Observatorio analizará o estado de desenvolvemento da Sociedade da Información para toda a cidadanía e, en especial, no que respecta aos colectivos en risco de exclusión, promovendo liñas de actuación que potencien a súa incorporación e permanencia en condicións de igualdade efectiva.
Observacións planificadas
Entre as actividades planificadas para o ano 2010 cabe salientar que o OSIMGA realizará as enquisas á poboación e ás empresas sobre a sociedade da información en Galicia, un estudo específico para o sector empresarial das TIC; elaborará o mapa da Administración electrónica nos concellos de Galicia e a enquisa sobre a eAdministración na Xunta de Galicia. Así mesmo, elaboraranse estudos sobre o estado de implantación do software libre, así como análises da evolución da penetración da banda larga en Galicia. Tamén cabe destacar as observacións temáticas en relación á demanda de formación TIC.