O 68,4% das farmacias galegas están conectadas ao sistema de e-receita
A Consellería de Sanidade informa de que un total de 1.255.672, o 46% da poboación total de Galicia, benefícianse xa da receita electrónica. A e-receita está implantada (a data de 31 de decembro) en 179 centros de saúde (do total de 483 centros de saúde) das sete áreas sanitarias de Atención.
Nos últimos meses, a implantación de receita electrónica evolucionou a grande velocidade tamén nas oficinas de farmacia, das que actualmente están conectadas a este novo sistema un total de 889 (o 68,4% de todas as farmacias) en todo o territorio galego, realizándose máis de 8,8 millóns de dispensacións de xeito electrónico. No mes de novembro, un 27% do total das receitas dispensadas en Galicia realizáronse como e-receita.
Planificación para o primeiro semestre
A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde continúan a traballar no desenvolvemento da e-receita, e neste primeiro semestre de 2010 está previsto incorporar 67 novos centros de saúde, quedando implantada a e-receita no 50,9% do total dos centros de saúde. Isto beneficiaría ao 68,2% da poboación, chegando case ata case 2 millóns de galegos e galegas que accederán a esta prestación no mes de xuño.
No que respecta ás oficinas de farmacias, a previsión é que no primeiro semestre de 2010 estean operativas con este sistema todas as oficinas de farmacia de Galicia. Actualmente xa están en fase de despregamento 68 oficinas, e nos vindeiros seis meses incorporaranse outras 342 oficinas.
A implantación da receita electrónica permite que o usuario non precise acudir ao centro de saúde cada vez que teña que solicitar novas receitas dos medicamentos xa prescritos, fundamentalmente nos tratamentos crónicos. Unha vez que o médico xera a prescrición electrónica, os pacientes unicamente, deben presentar a súa tarxeta sanitaria na oficina de farmacia.
Por outra banda, a e-receita implica melloras na calidade asistencial xa que diminúe o número de consultas para renovación de receitas nos centros de saúde. Isto permite aos profesionais sanitarios dispoñer de máis tempo para o diagnóstico e tratamento, desconxestionando as consultas de Atención Primaria.