O sector das TIC pechou o ano 2009 cunha caída do 8%
Segundo datos os datos que manexa ASIMELEC, patronal que agrupa ás empresas españolas de tecnoloxías da información, comunicacións e electrónica, a industria TIC pecha 2009 cunha caída global do 8%, que nalgúns subsectores acada o 20%, un punto menos do apuntado por IDC, por mor dos recortes orzamentarios das administracións públicas e o decrecente investimento das empresas nestas tecnoloxías, factores aos que se suma o baixo consumo privado.
ASIMELEC calcula unha perda de negocio do 2,5% para o sector TIC para 2010 en España. Mentres, as previsións dos expertos internacionais para este sector na zona EMEA auguran un incremento do 4,5% en 2010.
A caída é maior nos subsectores da industria audiovisual (24%) e da electrónica de consumo (22%) e con menos forza Internet (3,5%), o software (5,2%) e as telecomunicacións (6%). O mercado de consumo, segundo as cifras preliminares de ASIMELEC, continuou incrementando en 2009 a desaceleración que comezou no segundo semestre de 2008. Así, as cifras do ano pasado con respecto a 2008, mostran unha clara tendencia negativa.
A Patronal prevé que tanto o mercado de dispositivos electrónicos de telecomunicacións como o segmento de hardware e produtos TIC e os subsectores de de electrónica de consumo e equipos de telefonía móbil manterán un ritmo baixista este ano, aínda que máis moderado que en 2009.
ASIMELEC considera que, durante 2010, outros mercados en evolución constante activarán o crecemento do sector TIC. Así esperan un crecemento no mercado da telefonía móbil “intelixente” e, en xeral, de toda a industria de contidos dixitais que impulsarán a Internet do futuro, apoiado por novos mercados como o do Fogar Dixital que permitirán achegar unha nova e maior oferta ao sector da vivenda.
Outros fitos como o apagamento analóxico e con el, o desenvolvemento servizos asociados á TDT como a interactividade, a alta definición, etc., tamén impulsarán este ano o sector. Para todo isto será necesario o despregamento de redes de telecomunicacións de nova xeración, cuxa implantación permitirá dinamizar estes mercados.
ASIMELEC tamén prevé crecementos no mercado do software especialmente de control e xestión empresarial. ASIMELEC cre que o medio natural dentro da industria TIC, pode ser un dos sectores a ter en conta no proceso de recuperación económica, dotando á economía dun modelo estrutural produtivo, e non especulativo, como motor de desenvolvemento e crecemento.