O software libre xa está presente no 49% dos concellos de Galiza
O uso do software libre nos concellos é razoablemente alto e xa está presente na metade dos concellos do país (o 49%). Esta é a conclusión máis relevante de O Software Libre nos Concellos de Galiza 2007, o último estudo de evolución que proporcionou o Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza.
Segundo a enquisa de mancomun.org o software libre experimentou un importante avance nos últimos dous anos, pasando dun 32% na anterior vaga ao 49% na actualidade. Os concellos de máis de 50.000 habitantes ampliaron o uso do software libre desde o 67% de concellos no 2006 até o 100% en 2007. No conxunto dos concellos galegos o software libre experimentou un avance do 17%.
Existe unha grande correlación entre o uso do software libre nos ordenadores e a dimensión do concello. A tipoloxía do concello parece que é importante na adopción do software libre nos ordenadores de usuario, de xeito que son os concellos máis grandes os que semellan ter unha mellor disposición á hora de implantar esta tecnoloxía. A pesar de que este grupo posúe pouca relevancia no cálculo do número total de concellos, dado que o seu peso é pouco significativo, débese ter moi en conta, pois a miúdo son os que marcan a tendencia no uso de servidores e tecnoloxías en xeral.
O modelo de uso do software libre caracterízase polo emprego de aplicacións libres executadas sobre sistemas operativos de tipo propietario. Esta situación é lóxica, pois os propios usuarios poden sen dificultades instalar nos seus equipos aplicacións libres, mentres que o cambio de sistema operativo leva asociadas dependencias con outros sistemas ou aplicacións.
Todo indica que se produciu un cambio no patrón de uso do software libre xa que agora hai máis concellos que empregan o software libre nos ordenadores de usuario (44%) que nos servidores (34%). Polo tanto, o seu uso amplíase máis alá do ámbito dos xestores das tecnoloxías da información e chega até os propios usuarios finais.
Dentro das aplicacións, a repartición entre software libre e propietario garda similitudes co resto de ámbitos analizados. A porcentaxe de aplicacións libres instaladas nos ordenadores sitúase no 19%, fronte ao 81% de aplicacións propietarias. As aplicacións máis frecuentes nos ordenadores de usuario dos concellos son as de escritorio, é dicir, navegador de internet, paquete ofimático e cliente de correo electrónico.
Medraron de forma importante os concellos con aplicacións en idioma galego e é probablemente o software libre un dos principais factores responsables deste aumento. Tamén o inglés experimentou un crecemento importante, polo que pode existir unha demanda de tradución de novas aplicacións.
Os concellos con aplicacións informáticas en idioma galego aumentaron de forma importante (un 8%). O software libre é probablemente un dos principais factores responsables deste aumento, xa que nos últimos dous anos foron traducidas ao galego moitas das aplicacións de software libre máis populares: OpenOffice, Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird, etc... Polo tanto, o software libre está a ter un efecto normalizador do galego no eido da informática. Non obstante, o galego segue a ocupar o segundo posto.
A satisfacción mostrada polos usuarios de software libre é superior á amosada polo software propietario, aínda que globalmente as diferenzas entre as cualificacións dun e doutro non son moi distantes e ambas as dúas obteñen valores notables. Tamén medra a percepción xeral de que o software libre gañará posicións dentro dos ordenadores de usuarios a medio prazo e ademais ningún concello manifesta que esta tecnoloxía retrocederá neste campo de aplicación.
Unha parte importante dos concellos que aínda non usa software libre prevé facelo nos próximos anos e ademais diminúe o número de municipios que aínda non considerou esta posibilidade. Os motivos máis comúns para non empregar software libre son a falta de formación e o descoñecemento ou falta de información.
Esta análise da situación do software libre nos concellos de Galiza, realizada por mancomun.org está baseada nos resultados dunha enquisa telefónica aos concellos de máis de 5000 habitantes.